O Correlingua 2026 chega á súa fin este venres 29. O seu último evento percorrerá as rúas da Estrada para reivindicar o uso do galego. Ao remate, a Praza do Concello acollerá un concerto do grupo Sniff & Crash. Participarán 11 centros educativos procedentes da Estrada, Cuntis e Forcarei.
O evento, conducido por Fran Rei, comezará ás 11.00 horas na Praza do Concello. Tras un breve saúdo e presentación, ás 11.10 horas a rapazada comezará a percorrer o centro da vila. Subirán por Serafín Pazo ata a Farola e seguirán por Calvo Sotelo e Justo Martínez. Ao chegar á altura do Concello, os máis pequenos desviaranse para rematar o percorrido, mentres que os maiores (primaria e ESO) continuarán por Iryda ata a Avenida de Ponteareas. Dirixiranse á Porta do Sol e continuarán por Ulla e Calvo Sotelo ata Justo Martínez, por onde seguirán para chegar á Praza do Concello.

Ás 12.05 horas procederase á lectura do manifesto e, ao remate, actuará o grupo Sniff & Crash. Tras un concerto cheo de enerxía, retrousos potentes e moito humor, ás 12.40 horas entregaranse os diplomas para rematar a xornada.
En canto aos centros participantes, da Estrada estarán presentes todos os colexios e institutos públicos (IES Avelina Valladares, CEIP Cabada Vázquez, Ceip de Figueiroa, IES Manuel García Barros, CEIP de O Foxo, Ceip Pérez Viondi, IES Antón Losada Diéguez, CEIP Villar Paramá e CEIP de Oca). Dende Forcarei chegará o alumnado do IES Chano Piñeiro e, dende Cuntis, o do CPI Aurelio Marcelino Rey García.
Imaxe de portada: Correlingua 2025 // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta