Este xoves reúnese a Comisión Informativa de Benestar Social, Igualdade e Educación. Na orde do día atópanse unha moción do PSOE para solicitar melloras de recursos humanos e infraestruturas no IES Manuel García Barros e outra moción, neste caso do PP, para pedirlle ao Inserso o mantemento dos concertos de colaboración municipal na cestión do programa de turismo social.
No referido á moción sobre o instituto estradense, é a mesma que se presentou no pleno do mes de maio pola vía da urxencia, sen que se chegara a debater. Naquel entón, Xornal da Estrada tivo acceso ao contido íntegro da moción.
A moción
Nela recóllese que o IES Manuel García Barros atende “a un elevado número de alumnado”. En consecuencia, segundo a moción, existe “unha serie de carencias de persoal que levan anos sen solución, malia seren coñecidas pola administración autonómica”.
No “ámbito dos recursos humanos” sinalan as ratios elevadas, a “insuficiencia de profesorado para realizar desdobres e agrupamentos flexibles, especialmente en 1º e 2º da ESO” e as faltas de persoal especializado e de orientación. Nas infraestruturas, sinalan que hai “problemas que afectan ao normal funcionamento do centro”.
Por iso, na resolución incluíase instar á consellería a dotar ao centro dunha praza máis de profesorado especialista en pedagoxía terapéutica e incrementar o profesorado de tal xeito que permita unhas ratios máximas de 25 alumnos por aula — na actualidade chegan aos 30 –. Amais, piden un reforzo do persoal con máis orientadores, especialistas en audición e linguaxe, educación social e psicoloxía, persoal sanitario, persoal non docente e especialistas en TIC.
En canto a infraestruturas, solicitaríase coordinar coa Dirección do IES e coa ANPA unha “axenda de melloras” para resolver “os problemas que presentan as instalacións actuais”.
Imaxe de portada: fragmentos da moción de urxencia sobre unha imaxe da manifestación do 6 de maio // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta