A concelleira de Servizos Sociais, Amalia Goldar, informou de que foron notificados da supresión do convenio que tiña o Concello co Goberno para colaborar na tramitación das viaxes do Inserso. Deste xeito, os solicitantes quedarán sen a axuda que ofrece o Concello para solicitar este programa, mais as viaxes continuarán. Por iso, van pedir unha moratoria.
A información recibírona nunha carta do Instituto de Maiores e Servizos Sociais, vencellado ao Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, o pasado 11 de maio. Cómpre sinalar que, grazas a este convenio, a administración local podía efectuar as reservas de praza para as viaxes do Programa de Vacacións para a terceira idade.
“É un servizo moi demandando ao que chega moita xente que, se non é con estes prezos e coa axuda do Concello, non podería viaxar”, sinalou sobre este programa e a colaboración que presta o seu departamento. “Hai unha fenda dixital moi importante en certas idades e colectivos e vai ser complicado
para moitas persoas acceder a estas viaxes”, considerou.
Engadiu que, segundo a información que teñen, ás persoas que están habilitadas chegaralles unha carta cun código. “Pero tampouco temos moita información. Tentamos falar con eles pero non obtivemos resposta”, manifestou Goldar.
O Concello pide unha moratoria
A orixe desta decisión, segundo a concelleira, estaría nun cambio lexislativo que entrou en vigor en 2016 e que tiña unha prórroga de 4 anos. “É dicir, no 2020 habería que facer isto e seguiron ata o 2026. O que lle pedimos ao Goberno Central é que, se puido estar seis anos, que continúe un máis e faga unha moratoria para adaptar os convenios do ano 1989 ao novo modelo”, detallou sobre a moción que debaten na comisión de Servizos Sociais que se celebra este xoves.
Opinou que, por culpa deste cambio, “van quedar moitos veciños e veciñas sen poder desfrutar das viaxes do Inserso”. Por iso, van pedir ao Goberno que se faga unha moratoria mentres se traballa en novos convenios.

Deixa unha resposta