Publicidade

Plantexan cambiar os horarios dos curros ante a posibilidade de que se produza unha vaga de calor

Concello da Estrada, Rapa das Bestas e Emerxencias A Estrada están facendo un seguemento das previsións meteorolóxicas para a vindeira fin de semana ante a posibilidade de que se produza unha vaga de calor. Por iso, xa se plantexaron a posibilidade de mover unha hora o inicio dos curros para así evitar as horas de máis calor.

A decisión, previsiblemente, tomarase a partir de xoves, momento no que as previsións serán moito máis fiables do que o son agora mesmo. No caso de que finalmente se faga, o curro do sábado comezaría ás 20.00 horas, é dicir, unha hora máis tarde do previsto; e os do domingo e do luns, ás 11.00 horas, unha hora antes do previsto.

“Estamos ante unha celebración única e de enorme valor cultural e patrimonial, pero tamén temos a responsabilidade de adaptarnos ás condicións meteorolóxicas cando estas poden supoñer un risco para a saúde das persoas”, asegurou o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán.

Previsión

A partir de xoves, segundo as previsións da AEMET, as temperaturas máximas comezarán a subir considerablemente, segundo as previsións existentes no momento de redacción desta noticia. De feito, é dende ese día cando se prevé que os mercurios cheguen aos 30 graos na Estrada.

O venres poderían chegar aos 35 graos e, o domingo, os 37. Estas previsións, como xa se dixo, para A Estrada, polo que en Sabucedo posiblemente as temperaturas sexan un pouco máis baixas, especialmente as máximas.

Recomendacións

Dende o Concello aproveitaron para lembrar a importancia de acudir aos curros e á subida ao monte do venres con roupa lixeira e transpirable, gorra ou sombreiro para protexerse do sol, protección solar, abanicos ou elementos que axuden a refrescarse e, sobre todo, auga abundante para manter unha correcta hidratación. Recoméndase tamén evitar exposicións prolongadas ao sol, procurar zonas de sombra sempre que sexa posible e prestar especial atención a nenos, maiores e persoas con patoloxías previas.

Ademais, aconséllase seguir as previsións meteorolóxicas a través de organismos oficiais, tales como MeteoGalicia e AEMET. Como de costume, cada día Xornal da Estrada ofrecerá a través das súas redes sociais a previsión meteorolóxica para o día seguinte empregando como fonte o organismo estatal.

Imaxe de portada: persoal regando ao público na Rapa de 2025 // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo