Publicidade

Aparecen tres inquilinos na Fontana di Trevi estradense

Aparecen tres inquilinos na Fontana di Trevi estradense

A xente xa lanzou numerosas moedas na fonte da Farola

A fonte da Farola viña de ser noticia por rematar as festas chea de lixo e cortizas e coa auga turbia. Este venres, o que tería que ser uns simples traballos de limpeza rematáronse convertendo en noticia porque antes de limpar os operarios tiveron que pescar tres peixes que apareceron no seu interior.

Era algo co que xa se contaba, pois os integrantes das brigadas foran informadas previamente de que se avistaran estes animais nadando na auga. Por iso, puxeron unha rede no desaugadoiro da fonte para así, baixar algo o nivel da auga e poder pescalos con maior facilidade. Aínda así, non foi tarefa fácil pola súa rapidez.

Estado da fonte o pasado domingo // Xornal da Estrada

Os inquilinos foron aloxados momentáneamente nun barreño con auga e recibiron un almorzo. Namentres, os operarios afanáronse en limpar unha fonte á que xa se lanzaron moitas moedas ao longo das sete semanas que leva funcionando.

Despois de que os traballadores varresen e retirasen area e outros depósitos indebidos que tupían o circuíto, a auga regresou á fonte. Con este regreso tamén volveron os peixes, que foron depositados polo concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán.

Imaxe de portada: Óscar Durán devolvendo os peixes á súa nova casa // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo