Publicidade

A “profecía do Mundial”, versión estradense: 12 ‘coincidencias’ entre o 2010 e o 2026 da Estrada

Coa chegada do Mundial nas redes sociais apareceu a chamada “profecía da Selección”, que vén dicir que España está predestinada e erguer o título o vindeiro domingo por unha serie (un tanto longa) de coincidencias que se están dando co 2010.

Que o Mundial comezou o 11 de xuño cun México-Sudáfrica, que España xogou no grupo H e o seu último partido foi contra a selección que adestraba Bielsa, que dous anos antes gañamos a Eurocopa, que o Papa visitou a Sagrada Familia (Barcelona), que en oitavos eliminamos a Portugal gañando 1-0… E moitas máis. Por iso, nas seguintes liñas faremos unha comparación entre A Estrada de 2010 e a de 2026, porque tamén hai coincidencias.

Comezando polo apartado político, no 2010 o alcalde era José Antonio Dono López. Estaba na súa primeira (e única) lexislatura como máximo responsable do Concello, tal e como lle ocorre na actualidade a Gonzalo Louzao Dono. Por certo, comparten o apelido Dono.

Pero non só iso. Os predecesores de Dono e Louzao — Ramón Campos Durán e José López Campos, respectivamente –, ademais de compartir apelido, conseguiron ser alcaldes en catro lexislaturas consecutivas, sendo unha delas incompleta (a primeira no caso de Campos Durán e a última no de López Campos).

Amais dos tres grandes partidos a nivel autonómico (PP, PSOE e BNG), na Estrada tamén tiña representación un cuarto partido. En 2010 era Cidega, en 2026, Móvete. E ambos exerceron de oposición.

A variante desta estrada tiña no seu trazado problemas. En 2010 era polas afeccións que podería provocar que rematase en Callobre, en 2026 sufre as consecuencias de terse atopado o castro de Preguecido hai unha década xusto por onde ía pasar a estrada. E se algo teñen en común ambos casos, é que segue sen construírse.

No 2010, igual que en 2026, aparecía nas noticias a ampliación da AG-59 dende A Ramallosa ata o termo municipal da Estrada. Naquel entón porque se ía redactar o proxecto do trazado, na actualidade porque se está construíndo ata O Rollo, onde finalmente rematará.

En Lagartóns e Ouzande construíronse beirarrúas en 2010 — no caso da parroquia ouzandesa con especial polémica porque o proxecto tivo que reformularse –. Neste 2026 estase traballando para comezar as obras de humanización do rural, no que se prevé converter cunetas en espazos transitables para os peóns.

2010 tamén foi ano de inauguracións. Foi cando o MOME abriu as súas portas. Neste 2026 tamén se reabriu A Farola e prevese que o Museo Manuel Reimóndez Portela, que xa no 2010 estaba pechado, faga o propio.

No deportivo, o Estradense foi noticia por facer historia. En 2010 lograron o ascenso a Terceira División, en 2026 xogaron o seu segundo playoff consecutivo para tentar subir a Segunda RFEF.

As festas de San Paio en 2010 viñan marcadas pola polémica da suspensión e débeda contraída das festas de 2009. No 2026 a polémica non chegou a tal magnitude, pero si que tentou ter algo de protagonismo polos eventos que non se incluíron na programación cando si que estiveron en edicións anteriores e pola posibilidade de que en tres dos cinco días de festas houbese unha folga na recollida do lixo.

Asemade, no ano do Mundial que gañou España as festas organizounas o Concello. O curioso é que, se ben este ano organizounas unha comisión independente, o alcalde da Estrada formou parte da comisión na época da pandemia.

No apartado local cómpre destacar os medios escritos, apartado no que A Estrada viviu unha sucesión de cabeceiras ao longo do último século. Namentres que as edicións locais de La Voz de Galicia e Faro de Vigo non cesaron as súas publicacións, os medios escritos propios do concello sufriron cambios.

En 2010 estaba activo Capicúa, quen nacera en 2009 e mantivo a súa publicación ata o 2014. En 2026 cada día os estradenses pódense informar no Xornal da Estrada, un dixital que naceu o 12 de decembro de 2023 e que non amaga con pechar, só con mellorar.

No 2010 existía unha publicación semanal coa última actualidade, A Farola. Hoxe en día ese rol asúmeo o Xornal Semanal do Xornal da Estrada, que vén de rematar a tempada cun vídeo dende a Rapa das Bestas.

É dicir, que en menos de 700 palabras fomos quen de contarlles todas estas coincidencias:

  1. Gobérnanos un Dono e é a súa primeira lexislatura como alcalde
  2. O seu predecesor apelídase Campos e estivo catro lexislaturas como alcalde, unha delas incompleta.
  3. Hai un cuarto partido e está na oposición.
  4. A variante da N-640 segue sen construírse.
  5. A ampliación da AG-59 dende A Ramallosa ata o concello da Estrada era noticia.
  6. Fixéronse humanizacións no rural.
  7. Inauguráronse espazos públicos.
  8. O Reimóndez Portela, pechado.
  9. Foi unha tempada histórica para o Estradense.
  10. Algunha polémica asomouse no San Paio.
  11. O San Paio e a súa relación co Concello.
  12. Destacan os medios locais escritos.

Con esta serie de coincidencias non queremos dicir que iso signifique que vaiamos gañar o Mundial… pero por que non crer?

Imaxe de portada: celebración do Estradense e obras na Farola // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo