Publicidade

A Estrada limpará a fondo a Praza da Inmaculada mentres se restaura a escultura de Asorey

No marco da restauración da escultura da Inmaculada, o Concello da Estrada programou para a vindeira semana unha limpeza integral da praza na que se atopa. Será, á súa vez, en coincidencia coa recta final das tarefas de mellora do estado da escultura.

A limpeza da Praza da Inmaculada (onde tamén se atopa a igrexa parroquial) comezará, segundo as previsións que anunciou o concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, a comezos da vindeira semana. Farase con hidrolavadoras e durará, aproximadamente, unha semana. Os traballos centraranse na limpeza a fondo da superficie de pedra.

Asemade, pintarase a nova illa de contedores de lixo que foi instalada na parte posterior deste espazo. Segundo o Concello, este traslado foi “moi ben acollido por moitos usuarios”. Agora require que sexa delimitada con sinalización horizontal.

Recta final da restauración

No que respecta á restauración da escultura da Inmaculada Concepción de Francisco Asorey, esta encara os últimos traballos, que poderían rematar a vindeira semana. Agora vanse substituír as xuntas de cemento por morteiro tradicional, á vez que se repararán as fisuras e fendas que ten a peza. O proceso culminarase coa aplicación dun consolidante en toda a figura.

Ata o momento o que xa se fixo foi unha limpeza en seco e húmido e aplicar un biocida para eliminar a colonización biolóxica. O deterioro que presentaba a obra escultórica de Asorey debeuse á exposición aos axentes atmosféricos e á contaminación ambiental.

A restauración finánciaa a Xunta de Galicia a través da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, namentres que a limpeza corre a cargo do Concello da Estrada.

Imaxe de portada: Praza da Inmaculada // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo