Belén López · PSOE
Hai proxectos que se anuncian e despois quedan esquecidos nun caixón. A creación dun sendeiro que conecte o casco urbano da Estrada coa praia fluvial do río Liñares, a Ponte da Ola e a Fervenza de Callobre non debería ser un deses.
Na Estrada hai unha necesidade de facilitar o acceso aos espazos naturais que temos. Esta actuación, ben planificada, podería converterse no principal proxecto de mobilidade sostible e recuperación dos espazos naturais do municipio. Nós queremos unha Estrada que coide, conecte e aproveite os fantásticos recursos que temos.
Lamentablemente, temos un goberno municipal que fala de poñer en valor o río Liñares mentres a súa praia fluvial presenta un estado de conservación claramente mellorable. Resulta especialmente difícil de entender que se anuncien investimentos e actuacións mentres elementos recentemente instalados como as novas comportas, cun custo de arredor de 40.000 euros, permanecen cubertas por un plástico, unha imaxe que resume perfectamente a falta de planificación e de coidado que estamos denunciando.
Da Ponte da Ola pódese falar nos mesmos termos. Houbo anuncios sobre a súa recuperación pero o seu estado actual deixa moito que desexar.
E podemos dicir o mesmo da Fervenza de Callobre. Estamos diante dun espazo cun enorme potencial como área recreativa e como lugar de encontro coa natureza, pero que hoxe presenta unha situación de abandono que non está á altura do valor que ten. Non é razoable que un recurso deste tipo permaneza sen unha intervención que permita recuperalo, facelo accesible e garantir o seu mantemento.
Por iso defendemos unha actuación global. Non queremos construír un sendeiro e esquecernos do resto. Queremos recuperar, conectar e coidar os espazos. A nosa vontade política é poñer en valor (de verdade) estes espazos.
Unha ruta peonil que partise do centro da vila permitiría facer algo tan sinxelo como necesario: poder saír andando da Estrada e chegar á natureza. Pero ese camiño debe estar integrado nunha política municipal máis ampla de recuperación dos espazos públicos e de mobilidade sostible.
Non ten sentido falar de sustentabilidade se non somos capaces de ofrecer alternativas reais ao vehículo particular. Precisamos camiños seguros para peóns, familias e deportistas; itinerarios que permitan gozar da contorna e, ao mesmo tempo, favorezan hábitos de vida saudables.
Tamén consideramos interesante estudar a creación dunha zona para caravanas que permita atraer visitantes que poidan aproveitar este sendeiro e, ao mesmo tempo, facer consumo na vila. Trátase de facilitar que estas persoas poidan coñecer os nosos espazos naturais e, sobre todo, conseguir que a súa presenza repercuta no comercio, na hostalaría e nos diferentes establecementos da Estrada. Unha infraestrutura deste tipo, ben planificada e dotada dos servizos necesarios, podería complementar o sendeiro e contribuír a xerar actividade económica no municipio.
E nesta visión tamén debemos incorporar as piscinas municipais.
Desde o PSOE da Estrada defendemos que as piscinas non poden ser unha instalación utilizada só durante os meses de verán. Queremos desestacionalizar o seu uso e aproveitar esa infraestrutura durante todo o ano, con actividades dirixidas tanto aos nenos e nenas como ás persoas maiores.
Hai que buscar alternativas, programar actividades, organizar cursos e crear unha oferta estable que permita que unha instalación pública reformada con 500.000 euros públicos estea ao servizo da cidadanía os doce meses do ano. Non é a primeira vez que o dicimos.
Non queremos máis obras para a foto. Queremos investimentos útiles, coidados e ao servizo das persoas.



Deixa unha resposta