Publicidade

A Noite Folk de San Xurxo de Vea presenta un cartel “perfecto”

Fixeron entrega de 2.000 euros a ASANOG

A Noite Folk de San Xurxo de Vea anunciou este sábado os grupos que estarán na súa 13ª edición. Celebrarase o 4 de setembro, dando comezo ás 21.30 horas. Aproveitaron a ocasión para facer entrega á ASANOG do recaudado nunha xornada solidaria.

Foi Iago Castro o encargado de presentar os grupos. Sinalou que cren que “é un cartel perfecto”, pois inclúe as diferentes variantes que existen no folclore. Estarán Xoán Lois Romero & Aliboria, que “teñen un son característico de por si”, as charangas Galega de Bailables e Argalleiras e as pandereteiras As Lagharteiras, que son “referentes” na conservación do tradicional.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, lembrou que este festival serve de preludio da festa das Dores e que forma parte do “triodo de festivais” folk da Estrada. Comentou que, se de normal o de San Xurxo é o último, este ano será o segundo, pois o Folk de Raíz de Callobre aprazouse para a semana seguinte. Este ano o primeiro será o As Nosas Músicas.

Subliñouse a importancia dos patrocinadores privados, entre eles US Events, que colaboran por segundo ano coa Noite Folk.

Colaboración con ASANOG

Na presentación estivo presente Borja Balbuena, da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). Dende a organización da Noite Folk fixeron entrega dos 2.063 euros recaudados na xornada solidaria celebrada hai uns meses. Ademais, confirmouse que haberá un stand da asociación no festival e que, ao mercar unha camiseta, dous dos doce euros que custa irán para ASANOG.

Balbuena confirmou que doazóns coma esa “permiten seguir ofrecendo o servizo”, un servizo que, comentou, non existía cando naceu a asociación no 2012.

Nova web

Por último, dende a organización da Noite Folk confirmaron que próximamente estrearán unha web. Dende alí poderá accederse a información diversa sobre actividades que organicen e mercar as camisetas.

Imaxe de portada: presentación da Noite Folk // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo