Na última semana non se produciron microcortes eléctricos na zona
O Sergas vai instalar no centro de saúde de Oca un Sistema de Administración Ininterrompido (SAI). Permitirá que manteña a súa actividade no caso de que se produzan cortes eléctricos. Este anuncio chega despois de que o Concello o solicitase con motivo dos microcortes que levan acontecendo durante parte do verán.
Este equipo permitirá que, unha vez instalado, o equipamento eléctrico quede reforzado ante problemas desta índole. Segundo informou o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, tardará varios días en instalarse.
No tocante aos microcortes, segundo informou o concelleiro, dende a distribuidora UFD seguen a investigar as causas dos microcortes que afectan a parte do rural. Trasladou que dende a compañía aseguráronlle que dende hai unha semana non se están a producir estes cortes, polo que está sendo máis complicado dar coa orixe. Segundo Magariños, o Concello manterase “expectante” por se se producen novos cortes.
As incidencias danse na liña aérea de media tensión PAI 806, que conecta Paizás (Silleda) con Rubín. Subministra ás zonas de Curro-Cira, San Miguel de Castro, Oca, Loimil, Muimenta, Reigada, Tiguillois, Riamonde e Arnois. Segundo as primeiras informacións, poderían deberse a “elementos externos” que entran en contacto coa rede.
Imaxe de portada: centro de saúde de Oca // Concello da Estrada


Deixa unha resposta