A lista de concellos nas que se construirán xa foi anunciada, pero non inclúe á capital da comarca de Tabeirós
Este martes o BNG reclamaou que o concello da Estrada “sexa un dos elixidos” para a construción dunha das 24 residencias de maiores que anunciou a Xunta o luns. Dado que entre as 24 localidades anunciadas non aparece A Estrada, o candidato á Alcaldía dos nacionalistas, Marcos Borrageros, criticou que Gonzalo Louzao e o PP son “incapaces” de “defender os intereses da Estrada”.
Borrageros lembrou que levan “anos” esixindo a construción dunha residencia pública na Estrada. “Presentamos numerosas iniciativas no Parlamento Galego e emendas aos orzamentos da Xunta para facela realidade, pero a resposta do Partido Popular foi sistematicamente votar en contra”, sinalou.
Para el, que aínda non se construíse unha residencia pública evidecia a “irrelevancia política” do goberno de Louzao. “O anuncio da Xunta deixa ao descuberto a absoluta incapacidade do alcalde, Gonzalo Louzao, para influír no seu propio partido e defender os intereses da Estrada”, asegurou o nacionalista. Acusou a Louzao de “submisión total cara Santiago” e sinalouno como culpable de deixar “ao noso concello á cola na atención á dependencia”.
7 novas residencias na provincia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que aprobaron un proxecto para construir 24 novas residencias de maiores. Situaranse en concellos de menos de 25.000 veciños e servirán para persoas dependentes (grado II e III). Na provincia de Pontevedra serán sete e estarán no Porriño, Baiona, Sanxenxo, Cambados, Marín, Moraña e Padrenda.


Deixa unha resposta