Nun vídeo en redes sociais recoñece que tivo “dúbidas” sobre a súa continuidade

O PSOE da Estrada confirmou este xoves a Luis López Bueno como candidato á Alcaldía para as municipais de 2027. Foi tras un proceso de primarias nos que só se presentou unha precandidatura. Deste xeito, serán os terceiros comicios locais aos que se presenta o actual voceiro do partido no Concello.
Nun vídeo publicado en redes sociais aparece López Bueno anunciando a súa candidatura. Faino aos pés da Farola, un dos elementos que marcaron a súa actividade de oposición nos últimos anos. Nese vídeo recoñece que “tiven dúbidas, pero hai cousas que merecen a pena”.
Nunha entrevista no Xornal da Estrada o pasado mes de xuño falou sobre iso. Nela aseguraba que se ía “tomar o meu tempo para decidir dende o plano persoal” e que vía “moitos perfís válidos para defender unha candidatura”. Engadiu que “o PSOE da Estrada está en disposición de facer un proxecto competitivo para recuperar a Alcaldia no 27”. De feito, mostrouse seguro sobre a posibilidade de que a esquerda volva gobernar na Estrada. “Os números din que hai voto de esquerdas que é posible que mova a Alcaldía da Estrada”, dixo.
Imaxe de portada: Luis López Bueno // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta