Publicidade

López Bueno considera “desorbitado” o orzamento da senda peonil e pide executar a ampliación do polígono

O voceiro do PSOE, Luis López Bueno, coniderou “difícil de entender” o investimento de máis dun millón de euro na senda peonil A Estrada – Toedo. Di que aínda non se rematou a planificación urbanística da ampliación do polígono e tampouco se concretou o financiamento para ela. Considera que o financiamento que se destinou á senda é elevado para unha actuación como a prevista.

O socialista asegurou que é “sorprendente” que consideren “unha prioridade” esta senda. Reclamou que as políticas públicas se orienten a actuacións “que poden ter unha maior incidencia no futuro económico e demográfico da Estrada”. Citou como exemplos a ampliación do polígono de Toedo ou a construción de máis vivenda pública.

“Consideramos que o orzamento é desorbitado para unha actuación destas características. Estou convencido de que se podería executar por unha fracción deses cartos”, sinalou López Bueno.

A senda peonil, en datos

1,1M€

custo das obras

2,4km

de longo

1,8m

ancho mínimo

Fonte: Xunta de Galicia

Estendeu as súas críticas ao rexedor estradense, Gonzalo Louzao. Animouno a “falar cos empresarios que están asentados alí” se “considera que o principal problema do polígono de Toedo é que falta unha senda”. Di que “hai necesidades moitísimo máis urxentes”, entre os que estarían “servizos que existen en practicamente todos os parques empresariais e que aquí seguimos sen ter”. Acusouno de centrarse en “cuestións menores” e non resolver a situación do Servizo de Axuda no Fogar, a recollida do lixo ou a situación demográfica.

López Bueno reclamoulle á Xunta que a ampliación do polígono conte cunha partida propia nos próximos orzamentos. Engadiu que “ata agora, só se consignaron fondos para as expropiacións e aínda non se executaron”.

Asegurou que “se hai máis dun millón de euros para investir desde a Consellería de Vivenda, que expliquen por que non se pode ampliar, por exemplo, o proxecto de vivenda pública previsto no entorno do Mercadona”. Reclamou que a Xunta se centre na construción de vivenda pública e na ampliación do polígono.

1,1 millóns de euros e 12 meses de prazo

As obras da senda peonil e ciclista veñen de comezar. Serán 2,4 quilómetros que unirán Figueiroa co polígono de Toedo. A senda terá, como mínimo, 1,8 metros de anchos. O prazo de execución é de 12 meses e a ela destináronse 1,1 millóns de euros, cofinanciados entre fondos propios da Xunta e os fondos europeos FEDER.

As actuacións previstas inclúen a construción de dúas estruturas de formigón para salvar dous leitos fluviais, a adaptación da rede de drenaxe e a execución de canalización para comunicacións. Tamén se habilitarán muros de perpiaños pola diferencia de nivel entre a senda e algunhas parcelas. Nos extremos da senda, nos pasos de peóns e nas paradas de bus colocarase pavimento podotáctil.

Imaxe de portada: zona de Figueiroa na que comeza a senda // Xornal da Estrada / Arquivo

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo