A Estrada inaugura a Farola este sábado e convida ao acto aos máis afectados polas obras

A Estrada inaugura a Farola este sábado e convida ao acto aos máis afectados polas obras

O remate das obras de peonalización da Farola xa está ao caer. Este sábado 16 ás 10.00 horas terá lugar un “pequeno e simbólico” acto de inauguración, segundo o define o Concello, no que poderá participar toda a veciñanza pero no que se vai convidar mediante carta aos veciños e comerciantes da zona afectada.

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, asegurou que “tentamos que a actuación fora o menos molesta posible, pero sabemos que houbo cortes de tráfico e certas molestias”. Por iso, quixo recoñecer a “sensibilidade que amosaron veciños e comerciantes”. Anunciou que “a todos eles convidarémolos expresamente, a través dunha carta que recibirán estes días, a participar nesta inauguración”.

Louzao engadiu que “este espazo público volve a recobrar o seu protagonismo como naceu, como ese cruce de camiños que propiciou o desenvolvemento da nosa vila”. Nas súas palabras, “esta nova Praza de Galicia [nome oficial do espazo] é máis dos estradenses que nunca”.

Os operarios estanse afanando a rematar as obras da Farola, tanto rematando as zonas axardinadas como colocando a fonte. Unha fonte que, pese a ter estado na alameda ata a súa última reforma, orixinalmente estivo nesta céntrica praza.

Cómpre lembrar que esta obra estivo rodeada de polémica polas decisións que se foron tomando en relación ao farol que, aínda que de forma oficiosa, dá nome á praza. As primeiras ideas ao respecto de que facer con el falaban de retiralo.

Unha vez presentado o proxecto, a Farola colocaríase no illote entre as rúas San Paio e 56, xunto á estatua dos cabalos — que non é seguro que vaia quedar na Farola, pois a Rapa das Bestas solicitou que se traslade a Sabucedo –. Sería despois dun mes de mobilización política e cidadá no que se recolleron sinaturas e tivo lugar unha manifestación, cando se convocaría un referendo para elixir a ubicación definitiva da Farola, que foi na que se colocou despois da súa restauración.

Imaxe de portada: A Farola, xa coa súa Farola // Xornal da Estrada

Comentarios

One response to “A Estrada inaugura a Farola este sábado e convida ao acto aos máis afectados polas obras”

  1. Avatar de José Mª Araújo López

    Que non se leven a escultura dos cabalos!

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo