Malestar entre os artistas locais porque non contaran con eles para os murais

Malestar entre os artistas locais porque non contaran con eles para os murais

A decisión de pintar dous grandes murais en fachadas estradenses xerou malestar entre artistas locais. Non é polo feito de que se vaian pintar, senón porque o Concello non tería contado con eles. Manuel Míguez é o promotor do A Fume de Carozo, o principal evento de pintado de murais na Estrada, e defende que o Concello podería terse posto en contacto con xente vencellada á Estrada para, aínda que sexa, propoñer nomes.

Míguez sinala que o facer os murais “parécenos unha idea incrible”. Lembra que “é algo que propuxemos hai anos” e sobre o que “recibimos largas” aludindo os “orzamentos”. O que molestou, di, é que “despois dase estes proxectos a quen non é da Estrada” cando “hai xente da Estrada que controla da Rapa e Manuel García Barros” e non se terían posto en contacto con eles.

“Pensas que hai un feeling co Concello e, como se adoita dicir, cando está a tenreira para comer, non te convidan”, resume Manuel Míguez. “Se tes a idea e contas con xente preparada e que sabe facer eses murais, quedaría ben falar coa xente da vila”, continúa, “aínda que sexa para propoñer nomes”.

“Hai xente que vén pintar á Estrada e que coñece A Estrada á que lle pareceu raro que un [dos dous murais] non fose para xente que pinta na Estrada”, asegura Manuel Míguez. En relación á elección de Pablo Loyola, recoñece que “é normal” que se pense “na visibilidade de portas para fóra”, mais que en lugares nos que se fan concursos de fachadas, como é o caso de Vigo, “todos os anos” pinta algún artista local. “Ás veces hai que mirar para adentro, tirar do local tamén chama”, conclúe.

Imaxe de portada: bosquexo do mural da Rapa das Bestas // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo