A ameaza de folga na recollida de lixo para os días 25, 26 e 27 de xuño mantense. O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, estase reunindo con traballadores, sindicato e empresa (Geseco) para evitar as consecuencias que podería conlevar unha folga en pleno San Paio.
Aínda que o Concello non ten capacidade para intervir, todo segundo o propio de Durán, o Concello promoveu estes contactos “para ver se é posible achegar posturas” dada a importancia deste servizo. O primeiro encontro produciuse este martes cos traballadores e sindicatos, mentres que o segundo será este xoves, con Geseco.
Segundo dixo Durán, a primeira reunión desnvolveuse nun “clima de total cordialidade”, tendo en conta que o Concello é un axente afectado polo anuncio de paro. Nela puido coñecer as reivindicacións dos empregados de Geseco e avanzóuselles que os pregos do servizo están elaborados.
Na reunión coa empresa, prevista para este xoves, coñecerán os servizos mínimos que se contemplan no caso de que a folga se produza. Durán apuntou a que nos servizos mínimos terase que tomar en consideración que nestas datas sempre se produce un reforzo na recollida e limpeza viaria.
Afeccións
Durán comentou que a folga afectaría á recollida dos colectores verde e marrón e á limpeza viaria — que se volve necesaria durante os festexos por mor dos restos dos botellóns e das orquestras –. A recollida dos contedores de plástico, papel e vidro quedaría asegurada.
Imaxe de portada: papeleira chea // Xornal da Estrada / Arquivo


Deixa unha resposta