Publicidade

Durán avanza que a vindeira semana pode haber acordo na recollida do lixo

Durán avanza que a vindeira semana pode haber acordo na recollida do lixo

Evitaríase así a folga prevista para as festas do San Paio · López Bueno pediu “transparencia” sobre as reunións que mantivo Durán

O Concello continúa cos contactos coas partes implicadas na folga do lixo prevista para as festas do San Paio. Tras reunirse con Geseco, empresa que presta o servizo, o concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, asegurou que existe unha “boa disposición” por ambas partes para chegar a un acordo a vindeira semana. Namentres, o voceiro do PSOE, Luis López Bueno, pediu explicacións sobre as reunións mantidas e culpa ao Concello de que se chegara a esta situación.

Durán dixo que lles “sorprendería” que a vindeira semana non cheguen a un acordo na reunión que van manter no AGA, o servizo de solución de conflitos de traballo. “Parécenos que a predispoisición das dúas partes é boa”, sinalou.

A reunión deste xoves serviu para coñecer cal é o desenvolvemento habitual do operativo de recollida de lixo durante o San Paio para así fixar os servizos mínimos, que non terían que ser os mesmos ca nas xornadas nas que non se producen reforzos.

López Bueno pide explicacións

O voceiro do PSOE, Luis López Bueno, pediu “transparencia”

ao goberno municipal por estas reunións. Culpou ao Concello de que se chegara a esta situación, pois o servizo non se presta cun contrato en vigor.

“O mínimo que se lle pode pedir a un goberno que pretende exercer labores de mediación é que sexa capaz de sentar ás dúas partes na mesma mesa. Se nin sequera se consegue iso, dificilmente serán capaces de chegar a unha solución”, asegurou antes de coñecerse as noticias dese suposto bo entendemento.

Lembrou que no último pleno advertiu das limitacións que, segundo el, ten o Concello para mediar no conflito. Isto, di, débese a que non existe un contrato en vigor. “Se a empresa di que mañá deixa de prestar o servizo, o Concello non ten nada que facer para obrigalos a mantelo”, continuou.

Pregos feitos

Tanto Durán coma López Bueno coincidiron á hora de sinalar que os pregos xa están feitos. O responsable de Servizos Municipais fíxoo para apuntar que o conflito ten un horizonte temporal curto. Segundo Durán, cos novos pregos e a ordenanza reguladora que se está confeccionando, sería preciso unha nova negociación.

López Bueno criticou que “este goberno pagou a redacción duns pregos para a contratación do servizo pero agora contrata a redacción dunha ordenanza que os vai modificar”.

A folga

Os traballadores convocaron a folga para os días 25, 26 e 27 de xuño, coincidindo de cheo coas festas patronais da Estrada. Esta chega despois de oito anos nos que apenas tiveron melloras laborais.

Segundo Óscar Durán, o paro afectaría á recollida dos contedores verde e marrón e á limpeza viaria. O plástico, vidro e cartón seguiríase recollendo con normalidade.

Imaxe de portada: papeleira chea de lixo // Xornal da Estrada / Arquivo

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo