Publicidade

Un informe sinala 12 temas nos que mellorar a nivel social na Estrada

Un informe sinala 12 temas nos que mellorar a nivel social na Estrada

A Asociación Imaxina e Axuda vén de presentarlle ao Concello un informe no que se detectan 12 problemas a nivel social, deportivo, educativo e do lecer e se propoñen posibles solucións. Fíxerono en base ás demandas que detectaron nos encontros co alumnado do IES Manuel García Barros e no marco do proxecto Actuación Xove.

Ámbito social

No ámbito social detectaron que existe un illamento de persoas maiores que non contan cunha rede familiar ou de apoio próxima e que, as persoas maiores con autonomía, contan con pouca variedade de actividades. Por iso, propoñen ter mecanismos de atención máis próximos e personalizados que permitan coñecer as súas necesidades que poderían levar á creación de novas actividades de lecer.

Debido a que, segundo se sinala en dito informe, “é frecuente” atopar animais abandonados — especialmente cans e gatos — tanto no rural coma no casco urbano, propoñen favorecer a colaboraciñon con asociacións de protección animal da contorna. Sinalan que se poderían facer campañas de control reprodutivo para reducir o número de animais abandonados.

Asemade, detectaron que existe un gran número de asociacións na Estrada mais que “moitas delas non se coñecen entre si”. Por iso, recomendan crear espaxos de encontro nos que as entidades “poidan coñecerse e compartir ferramentas”.

Deportes

No deportivo, propoñen crear unha zona de barras ou Street Workout na praza existente a carón da Estación, unha zona sen eventos culturais e sen presenza de rapaces pequenos. Así contaríase cunha zona destinada á practica de calistenia e deportes que precisen de barras ao aire libre.

Detectaron que, pese a ter 16 escolas deportivas, a mocidade “só coñece os deportes máis famosos”. Recomendan a celebración dunha xornada de portas abertas no Manuel Coto Ferreiro para que a mocidade poida experimentar cos diferentes deportes, especialmente os minoritarios.

Tamén propuxeron crear un espazo para xogar á petanca e crear un club, pensando especialmente, nas persoas maiores.

Educación

No educativo, sinalaron a falta de ferramentas educativas sobre sexualidade. A súa proposta pasa por contactar cos centros Quérote+, da Xunta de Galicia. Ademais, piden valorar coas familias como se pode mellorar a atención ás persoas con diversidades funcionais.

Lecer

No referido ao lecer, detectaron unha falta de promoción da actividades, provocando unha participación xuvenil baixa. A solución, segundo se reflicte neste informe, pasaría por aumentar a promoción nos centros educativos. Do mesmo xeito, recomendan aumentar as actividades orientadas á xente nova no rural acordándoo co alcalde de barrio de cada parroquia.

Engaden a posibilidade de que as asociacións culturais para que organicen actividades relacionadas coa historia, o patrimonio e os recursos naturais do concello e organizar actividades ao aire libre, das que existe demanda, como rutas de sendeirismo ou actividades na Carballeira ou na praia fluvial.

Imaxe de portada: integrantes de Imaxina e Axuda coa concelleira de Xuventude, Lucía Seoane // cedida

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo