Modifican os horarios dos curros da Rapa pola vaga de calor

Modifican os horarios dos curros da Rapa pola vaga de calor

A organización da Rapa das Bestas adoptou este mércores a decisión de atrasar o comezo do curro do sábado e adiantar o do domingo e o do luns por mor da calor extrema que se prevé para os vindeiros días. Segundo as previsións actuais da AEMET, as máximas poderían alcanzar os 38 graos tanto sábado coma domingo e as mínimas apenas baixarán dos 20 graos.

Deste xeito, o curro do sábado comezará ás 20.00 horas, unha hora máis tarde do previsto, e os do domingo e o luns farano ás 11.00 horas, unha hora antes do inicialmente establecido.

Segundo as previsións que ofrece a AEMET para A Estrada no momento de redacción desta nova, este venres as temperaturas oscilarán entre os 16 e os 33 graos. Deste xeito, será o día máis fresco de toda a Rapa, pois o sábado e domingo as máximas alcanzarán os 38 graos e o luns baixarán aos 37. Ademais, as mínimas serán altas, pasando dos 16 graos do venres aos 20 do luns.

Só quedan entradas para luns

Á marxe da Gran Gala na Honra dos Aloitadores prevista para este xoves ás 20.00 horas, a Rapa comezará o venres coa misa na honra a San Lourenzo, que se oficiará ás 6.30 horas. Despois, sairase cara o monte na busca das bestas.

En canto os curros, só quedan entradas á venda para o do luns que, como xa se avanzou, terá lugar ás 11.00 horas. As entradas pódense mercar a través da web da Rapa (rapadasbestas.gal). En canto ao sábado e ao domingo, as entradas esgotáronse hai varios días.

Cobertura internacional

Uns 150 profesionais da comunicación citaranse esta fin de semana na parroquia estradense. Amais dos xornalistas e fotógrafos que se achegarán dende diferentes puntos da xeografía galega, estarán presentes profesionais chegados dende Estados Unidos, Arxentina, Uruguay, Alemaña, Reino Unido, Romanía, Francia e Portugal.

Imaxe de portada: persoal refresca o público na Rapa de 2025 // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo