A rotura foi arranxada e recuperouse a auga, que pasou os controis sanitarios
O Concello da Estrada vén de anunciar que a piscina grande reabrirá este xoves. Na mañá deste mércores comezouse a encher de auga despois de terse que ter baleirado pola rotura dunha tubaxe. Unha vez se completou o proceso, aplicouse o tratamento á auga coa vista posta en abrila o antes posible.
A tubaxe danada, que se atopaba no perímetro da piscina principal, foi substituída na tarde do martes. Na xornada deste mércores os operarios municipais fixeron as comprobacións pertinentes para asegurarse de que non existían máis puntos de fuga e volveron supervisar o estado do vaso, que non presenta danos.
As previsións que se manexaban eran que durante a tarde a piscina recuperase a totalidade da auga. Despois, aplicaríase o tratamento correspondente da auga e faríanse as analíticas e controis establecidos pola normativa sanitaria.
Unha vez se comprobou que cumplía os requisitos sanitarios, confirmouse que a piscina reabrirase este xoves e recuperarase a normalidade. Cómpre lembrar que durante a situación excepcional o acceso ás instalacións foi gratuíto.
Para aquelas persoas que teñen o bono para acceder a elas, váiselles reintegrar as cantidades vencelladas aos días de funcionamento inusual. Dende o Concello recomendaron que iso se faga unha vez reabra o vaso grande.
O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, agradeceu a comprensión das persoas usuarias e puxo en valor a rapidez coa que se actuou. “As instalacións e as redes de abastecemento, como calquera outra infraestrutura, poden sufrir incidencias puntuais ao longo da súa vida útil. O importante é contar cos medios necesarios para detectalas con rapidez, localizar a súa orixe e reparalas no menor tempo posible. Iso foi precisamente o que aconteceu neste caso”, asegurou.
Sinalou a eficacia da sectorización da rede feita na Zona Deportiva, o que serviu para detectar a fuga con celeridade e reducir o tempo de resposta. Un feito que se produciu nun contexto no que a auga comeza a escasear e algúns concellos comezan a activar a prealerta por seca.
Imaxe de portada: enchido do vaso grande // Concello da Estrada


Deixa unha resposta