Publicidade

Dessertores, a banda que quere “achegar o rock de antes, o de agora e o de mañá aos rapaces de hoxe en día”

A Estrada ten unha banda de rock emerxente e o seu nome é Dessertores. Formada por Christian Conti (batería), Marcos Suárez (guitarra), Ricardo Villanueva (vocalista) e Adrián Castro (baixista), toca cancións do pasado, do presente e do futuro.

Preguntados por que é Dessertores, Christian define a banda como “catro amigos indíxenas” — neste momento a cara de Ricardo xa fai presaxiar a matización que virá despois — “aos que lles gusta tocar música e xuntámonos e aquí estamos, formando unha banda, primeiro para divertirse” e agora convertida en algo máis serio, continúa Christian. Inmediatamente Ricardo interrompe para “facer un inciso”. “Gustaríame pensar que Dessertores é un proxecto” — di antes de que Christian corrobore cun “tamén” — “Un proxecto emerxente da Estrada no que nos gustaría achegar máis o rock de antes, o rock de agora e o rock de mañá aos rapaces de hoxe en día”, continúa Rick. Engade que buscan que poida desfrutar un público de calquera idade e teñas o gusto que teñas.

En relación ao nome, Marcos comenta que estiveron varios días buscando un nome, pois antes chamábanse Flames — sobre o que dirá que “non tiña chispa” e ao que Ricardo responderá que si que a tiña “porque era Flames” (chamas en inglés) –. Entre Christian e Marcos lembran algúns deses posibles novos nomes, inspirados no baixo no que tocan. “Bajodistorsión, Bajofrecuencia…”, enumeran. “E de ahí, estabamos nunha chamada en Discord e saíume unha canción en Spotify, a de Desertor, de Platero y Tú, e veume ese click na cabeza e dixen ‘Dessertores’ e púxeno no grupo” recibindo a aprobación de Christian e dun excompoñente, conta Marcos.

Adrián, ao non mirar o grupo, enterouse ao día seguinte. “Foi chegar ao baixo e dinme ‘chamámonos Dessertores’. E eu: ‘vale, é pegadizo e moloume o nome’”, asegura. Nese intre intervén Ricardo, quen conta que chegou máis tarde ao grupo “e cando me contaron o do chaval que se pirou dixen ‘será por isto [que se chaman así]?’”. Engade que tamén nese momento xa tiña coñecemento de que unha rapaza tamén ía cantar con eles e, finalmente, non foi así.

Sobre as orixes da banda, Christian lembra que antes da pandemia falara cun dos exintegrantes de formar unha banda “para tocar así por tocar” e, unha vez coñeceron a Adrián, comezaron a tocar os tres no “trasteiro do garaxe dun piso” — “un espazo minúsculo no que non colle nin un escarvadentes mal colocado”, segundo o define Adrián –. Tocaban seguido as mesmas cancións e “soaba decente”, recordan.

Chegado o momento, dixeron de crear un grupo, aínda que fose, “para tocar covers”. Diso evolucionaron a “querer sacar temas”, comenta Christian. “Cando chegamos aquí [ao baixo no que tocan] foi cando demos o salto grande”, engade Marcos tras comentar que chegou cando aínda era un proxecto para pasalo ben. Moito despois, chegaría Ricardo.

No relacionado coa súa experiencia nos concertos, Marcos recoñece que “houbo moitos problemas” técnicos neles “excepto neste último”, o Salmón Rock. “Aprendemos dos erros, sobre todo, e imos vendo que as cousas van saíndo moito mellor e sei 100% que para a seguinte petámola”, di Ricardo.

Sobre futuros concertos, Ricardo recoñece estar exercendo de Community Manager e confía en ter máis concertos próximamente. De feito, fai unha chamada a posibles interesados para que os contacten vía Instagram ou vía TikTok (@dessertores en ambas redes).

Posible disco

Preguntados pola posibilidade de sacar cancións propias, confirman que xa teñen unha e que queren sacala cun disco. O handicap co que se atopan é que Ricardo vive en Pontevedra, polo que é máis complicado quedar e estimular a creatividade. A iso súmanse os estudos de Adrián, posto que estuda en Ourense.

Imaxe de portada: De esquerda a dereita, Christian Conti, Marcos Suárez, Ricardo Villanueva e Adrián Castro // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo