Publicidade

Sergas e Concello asinan un convenio para repartirse o financiamento da reforma do Centro de Saúde de Oca

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, e conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinaron na mañá deste mércores un convenio de colaboración na reforma do Centro de Saúde de Oca. Aínda que é un edificio de titularidade municipal, cada unha das administracións aportará o 50% do financiamento.

Deste xeito, Concello e Sergas aportarán 77.056,01 euros, ascendendo o total da obra a 154.112,02 euros. Con estes traballos subsanarán as deficiencias detectadas polo propio Sergas nun informe.

En concreto, substituirase por completo a cuberta, incorporando unha nova impermeabilización, illamento térmico e tellas cerámicas. Inclúese a renovación dos canalóns, baixantes e instalación dun novo lucernario para eliminar as filtracións existentes.

No interior, a intervención pasará pola renovación dos falsos teitos, o pintado das paredes, a substitución das tubaxes de auga quente sanitaria e calefacción por un sistema de polietileno con illamento térmico máis eficiente e duradeiro e o traslado do bastidor de comunicacións á zona de administración, mellorando a seguridade da infraestrutura tecnolóxica e reducindo o risco de avarías e incendios.

O encargado de licitar, contratar e dirixir as obras será o Concello, tal e como sinalou o máximo responsable do Servizo Galego de Saúde. Dende a Xunta manterán unha “comunicación aberta e fluída” para coordinar os traballos, evitando así interrupcións na asistencia sanitaria.

Botica anexa

A visita ao centro sanitario foi aproveitada polo alcalde estradense para lembrar a necesidade de que se retome a actividade na botica anexa. Na actualidade non está en funcionamento porque o titular doutra farmacia presentou unha reclamación contra a súa autorización.

Segundo Louzao, a súa necesidade está “plenamente acreditada” para dar cobertura ás parroquias de Oca, Loimil, Orazo, Riobó, Berres e San Miguel de Castro. Sinala que, entre as razóns que o demostrarían, estarían a distancia ata a farmacia máis próxima e pola ausencia de transporte público regular na zona.

A Estrada, no pico de doazóns de sangue

Pola súa banda, Gómez Caamaño resaltou que A Estrada atópase “no pico” das doazóns de sangue, con 63 doazóns por cada mil habitantes. Noutra orde das cousas, avanzou que se atopan traballando nun reforzo da atención primaria en Galicia. Concretamente, este reforzo basearase na dotación de recursos e ferramentas aos profesionais sanitarios para ofrecer unha atención “resolutiva e de maior calidade”. A previsión é que esta reforma se presente no mes de setembro. Nos próximos meses seguirán avanzando, de xeito progresivo, na flexibilización das axendas dos profesionais, na mellora de condicións laborais e na incorporación de novas categorías profesionais nos centros de saúde.

Imaxe de portada: Louzao e Gómez Caamaño asinando o convenio // Concello da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta