Basoñas Mar, unha empresa de conxelados con nove tendas en Galicia, abrirá este venres ás 9.30 horas un novo despacho na Estrada. Será no baixo no que estiveron no seu momento Hiperxel e Congelados A Estrada. O responsable de tendas de Basoñas Mar, Gonzalo Pizarro, mostrouse confiado en que “vai funcionar”.
Sinalou que se fixeron co local “por dous motivos”. O primeiro é que o local atópase ben situado e, en termos de loxística, tamén está ben ubicado, pois tamén teñen tendas en Santiago de Compostela e Vilagarcía. A iso súmaselle unha clientela “que fai comidas familiares”, segundo indicou facendo referencia a que A Estrada é o concello con máis parroquias de Galicia (51), polo que conta cunha ampla poboación rural.
Abrirán de luns a sábado en horario de 9.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas. Contarán con dúas empregadas que atenderán a tenda.
En canto aos produtos que ofrecerán, en moitos casos serán propios. Contan con catro buques no Gran Sol. Segundo Pizarro, que o pescado se conxele nos barcos “é unha garantía de calidade” e permite que, cando se venda, sexa como se fose fresco. Ademais, contan con acordos con outros barcos que se atopan no Gran Sol para mercarlles as súas capturas.
Imaxe de portada: exterior da tenda de Basoñas Mar na Estrada // Xornal da Estrada


Deixa unha resposta