Publicidade

Luns comezan as obras das acometidas da traída en Tabeirós e Nigoi

As obras para conectar unhas 200 vivendas de Tabeirós e Nigoi á traida do Umia, a que abastece A Estrada, comezarán este luns. A previsión é que estes traballos duren tres meses. Os posibles beneficiados terán que cumprir un último trámite.

Debido a que as acometidas son obras particulares e co fin de que todos os veciños pagasen o mesmo, optouse por facer un prorrateo. O Concello, en colaboración cos alcaldes de barrio e cos técnicos municipais, elaborou no seu momento un estudo previo de posibles interesados e, despois, os interesados tiveron que reafirmar o seu compromiso de conexión.

En total faranse unhas 200 acometidas, 130 en Tabeirós e 70 en Nigoi. Unha vez rematen os traballos — que se prevé que sexa en outono –, darase inicio á última fase da obra, que será o asfaltado de todas as estradas afectadas polas obras desta zona. Esta mellora, adianta o Concello, trasladouse ao novo plan de asfaltados que se vai anunciar próximamente.

Novo trámite para os beneficiarios

Aqueles que confirmaron o seu interese en conectarse á traída terán que completar un último trámite: instalar un contador e darse de alta no padrón fiscal da auga. Este último paso teñen que facelo no ORAL. Para iso, deberán presentar unha foto do contador instalado na súa propiedade e o DNI do titular.

No caso de que se complete a acometida e non se estea dado de alta no padrón fiscal da auga, será o Concello o que se encargue de colocar os precintos correspondentes. Esta medida tómase para evitar posibles fraudes.

Imaxe de portada: visita de Louzao á ETAP de Parada // Concello da Estrada / Arquivo

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo