Rapaces e rapazas de diferentes puntos de España axudarán a visibilizar o papel das mulleres
Unha quincena de rapazas e rapaces procedentes de diferentes puntos de España participan dende este venres e ata o 17 de agosto no campo de voluntariado Memoria Viva en Couso. Teñen entre 18 e 30 anos. Impulsado pola Asociación A Xesteira e financiado pola Xunta de Galicia, este campo de voluntariado servirá para visibilizar o papel das mulleres na parroquia.
Algúns dos participantes xa estiveron noutros campos de voluntariado organizados pola Xunta no marco do programa Modo Verán Activo. Nesta ocasión, as actividades corren a cargo de Anacos Educativos.
Unha das principais actividades será a visibilización do papel da muller nesa parroquia mediante entrevistas e a creación dun arquivo e un itinerario cultural baseado na antiga escola feminina. No vencellado ao medioambiente, farán labores de limpeza, mantemento e mellora de acceso en espazos naturais locais. Ademais, apoiarán a organización, loxística e difusión do festival As Nosas Músicas, que se celebra en Couso o 14 e 15 de agosto.
Entre as actividades previstas tamén se inclúen obradoiros de memoria interxeracional e actividades lúdicas, tales como a práctica de kaiak no Ulla, veladas e a súa participación no As Nosas Músicas.
Recibimento institucional
Na mañá deste venres achegáronse ata este campo de voluntariado o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses.
Meneses puxo en valor “o compromiso e a xenerosidade da nosa xuventude, que decide aproveitar o período estival para formar parte dunha experiencia única, xerar un impacto na súa contorna e tecer lazos a través dunha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecemento e no fomento da convivencia e a participación”.
López Campos e Louzao coincidiron ao contarlle aos participantes que se atopan no concello de España co maior número de núcleos de poboación e en que están nun concello no que poderán ver unha eclipse de sol case total o vindeiro mércores. De feito, López Campos e Meneses repartiron aos participantes lentes para ver a eclipse.






Deixa unha resposta