Publicidade

Couso convértese dende este xoves na capital do folclore galego

Este xoves 13 e venres 14 Couso convértese por dous días na capital do folclore en Galicia. O Festival As Nosas Músicas celebra a súa edición XXIX cargada de música e actividades.

O As Nosas Músicas comezará ás 17.00 horas do xoves, cuns xogos tradicionais con Anacos Educativos. Ás 18.00 horas abrirá a IV Mostra de Artesanía ANM. O grupo De Cotío animará o ambiente e, ás 19.00 horas, terá lugar o espectáculo de títeres Barriga verde ataca de novo, de Alakrán. Ás 21.00 horas comezará a ruada, na que actuarán De Cotío, Arrexeira, Lembranzas do Tambre, Soalleira e Sete Ferrados.

O venres a programación comezará ás 12.00 horas coa apertura da mostra de artesanía. Ás 12.30 horas terá lugar a mesa redonda “As chaves da requinta da Ulla: antes, agora e despois”, que presentará Pilar García Rego. Participarán Joaquín Espiño, do Obradoiro Riobó, José Alvela “Pepe de Nande”, da gaita de Sarandón, Manuel Dios Romero, da Requinta de Carcacía, Carmen Dios Romero, Álvaro Couto Botana, da Requinta de Lampai, a asociación Raiceiros e Santiago Otero, da Requinta de Xián.

Vellos Requinteiros, A Requinta de Lampai e os xigantes e cabezudos de Couso amenizarán a sesión vermú, que comezará ás 14.00 horas. Ás 16.30 horas volverán os xogoso tradicionais con Anacos e ás 17.00 horas, reabrirá a mostra de artesanía. Ás 18.30 horas Os Sentenarios animará o ambiente. Ás 20.00 horas collerá o relevo Art-Monium. Dende as 20.15 horas terá lugar unha iniciación ao baile tradicional con Miguel Barbazán.

Dende as 21.30 horas subiranse ao escenario do As Nosas Músicas Bouba, Carapaus, Coanhadeira e Caldo e os Rabizos. Entregarase o Premio As Nosas Músicas a Joaquín Espiño, do Obradoiro Riobó. Será Pilar García Rego a encargada de facer a entrega. A pé de pista a animación correrá a cargo de Art-Monium. Ao remate, a festa continuará cunha foliada libre.

Ademais, as dúas xornadas contarán con zona gastronómica, zona de acampada e aparcadoiro. Venres terán servizo de autobús. Sairá dende A Farola ás 21.00 horas, pasando por Pontevea e Couso. O regreso farase ás 4.30 e ás 6.00 horas.

Para pagar dentro do festival, entregarán unhas pulseiras na caseta de troco de moeda. Entréganse sen saldo, podendo recargalas alí mesmo con tarxeta e efectivo. Empregaranse para pagar nas barras, postos de comida e tenda oficial ANM. As únicas excepcións son a Feira de Artesanía e as rosquilleiras, que seguirán funcionando con efectivo ou tarxeta.

Imaxe de portada: presentación do As Nosas Músicas // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo