Publicidade

E o día fíxose noite: así se viviu a eclipse na Estrada

A crónica e as imaxes dun momento que non voltaremos vivir na Estrada ata dentro dun século

Hai momentos que só se viven unha vez na vida. Este mércores vivimos un. Por primeira vez en máis dun século e por última ata dentro doutro século A Estrada foi escenario dunha eclipse solar case total. Faltou un 0,03% para que o fose.

O punto de visionado oficial era o Alto do Castro, en San Miguel de Castro. A hora de inicio do dispositivo era as 18.00 horas, mais algúns xa chegaran antes desa hora. Os coches quedaban aparcados ao pé do mirador e a xente peregrinaba coas súas cadeiras ao lombo polas pronunciadas pendentes que os levaban ata o alto.

A calor facíase abafante, imposible estar ao sol. A xente buscou acubillo nas zonas de sombra e na cantina, instalada no interior do edificio castrexo que preside o espazo. Alí, os veciños de San Miguel de Castro afanábanse en servir bebidas varias, chourizos e pementos de Padrón.

A cantina tamén se convertía no punto no que se preguntaba polas gafas homologadas que se anunciara que se ían repartir. Unha vez chegou o alcalde, Gonzalo Louzao, comezáronse a repartir as gafas entre os que se achegaron ao punto. Foron centos, máis de 500, para ser exactos.

Comezaba a eclipse e a xente comentaba: “xa non se lle ve un cachiño”. Ese cachiño facíase cada vez máis e máis grande, provocando sorpresa polo rápido que avanzaba. Pouco a pouco a luminosidade baixaba, enrarecendo o ambiente. O día estábase facendo noite pero non como o fai habitualmente.

A temperatura comezaba a baixar. “Xa vai polo 50%”, anunciaba un dos presentes. Pouco a pouco o sol convertíase en lúa a ollos de quen o vía polas gafas.

O reloxo marcaba as 20.15 e comezaba a percibirse unha escuridade próxima á da noite, mais non era a da noite. Ese ambiente raro facíase aínda máis extraño e, ao fío das 20.30 horas, ocorría o momento máis máxico.

O sol quedou reducido a unha fina liña con forma de C e que, en cuestión de segundos, xirou 90 graos. “Guaaau”, sería a forma máis facil de resumir o que alí se vía e se vivía. Unha vez a lúa comezou a amosar de novo o sol o público estourou en aplausos. E, así, semellou que comezou un novo día, que se viu amencer a pouco tempo do solpor.

E así rematou unha eclipse que fixo que San Miguel de Castro conseguira encherse coma nunca se enchera dende hai moitos anos.

Non só foi San Miguel de Castro

O punto de observación oficial estivo en San Miguel de Castro, mais outros puntos do concello serviron para ver este evento astronómico. Algúns optaron polo Mirador Outeiro Grande, na parroquia de Liripio — onde se atopa o banco de ferraduras –. Alí substituíron as cadeiras que levaban en San Miguel de Castro por mantas e algún parasol.

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo