Publicidade

O Partido Xudicial da Estrada efectuou 168 desafiuzamentos dende 2013

O desafiuzamento de Maricarmen, unha muller de 87 anos cun 50% de discapacidade que levaba 70 anos vivindo de alugueiro en Madrid, o pasado mércores puxo no foco os desafiuzamentos. Pese a non ser tan mediáticos, no Partido Xudicial da Estrada cada ano prodúcense máis dunha decena deles.

Dende o 2013 o Poder Xudicial ofrece os datos de lanzamentos (a última parte do desafiuzamento) que se produciron cada ano en cada partido xudicial. Os datos do partido da Estrada inclúen os de Forcarei e, ata 2016, os de Cerdedo.

En total foron 168 os lanzamentos efectuados entre 2013 e 2025 no partido xudicial. Deles, 122 foron por impagamentos do alugueiro e 40 execucións hipotecarias.

Na evolución temporal destacan dous periodos. O primeiro, comprendido entre 2013 e 2017 — etapa final da crise e saída de Cerdedo do partido xudicial –, nunca baixou dos 13 lanzamentos por ano. En 2016 chegouse a 24 lanzamentos e en 2017, a 21.

O segundo periodo vai dende 2018 ata 2025, etapa na que se viviu unha pandemia e un incremento dos prezos por mor de varias guerras. Nel os lanzamentos oscilaron entre os 7 e os 12 anuais. Hai dúas excepcións: 2024, ano no que ascenderon ata 15, e 2025, no que baixaron a 3 polo escudo social que incluíu a moratoria dos desafiuzamentos.

Imaxe de portada: edificios da Estrada // Xornal da Estrada

Comentarios

Deixa unha resposta

Descubre máis desde Xornal da Estrada

Subscríbete agora para seguir lendo e obter acceso ao arquivo completo.

Seguir lendo