Este mércores A Estrada vivirá unha eclipse case total — a superficie oculta oscilará entre o 99,84% e o 99,97% –. Nun momento no que algúns quedarán sen os lentes necesarios para poder vela con seguridade. Por iso, existen varios métodos caseiros que serven para poder velo sen pór en risco a nosa saúde ocular.
Como ver a eclipse de forma segura
O máis importante é que non se pode mirar o sol de xeito directo. Para iso podemos empregar os lentes certificados coa norma ISO 12312-2:2015. Se utilizamos prismáticos, cámaras, telescopios, etcétera, terán que ter un filtro especial para evitar que se danen e que danen a nosa vista.
Se non os temos, sempre podemos xogar coa proxección do sol. Para iso, podemos empregar unha cartolina, á que lle faremos un buraco de pequenas dimensións. De costas ao sol, suxeitaremos a cartolina de xeito perpendicular a el, proxectando a súa sombra sobre o chan, a parede ou outra cartolina. Así, poderemos ver a forma que ten o astro.

Unha variante é empregar un espello recuberto enteiro cun papel, ao que se lle farán varios buracos, aconsellablemente de diferentes formas. O tamaño, segundo explican dende o Instituto Xeográfico Nacional (IGN polas súas siglas en castelán), será de medio centímetro de diámetro. A imaxe xerada proxectarase sobre unha parede, teito ou pantalla.

Outra forma é colocarnos nunha zona na que haxa árbores. Na sombra delas, nos ocos de luz que deixen pasar as follas, poderase observar como a lúa oculta o sol.
Como NON mirar a eclipse
Como xa se dixo, non se pode mirar o sol de xeito directo, pois a retina pode queimarse ou cegarse parcialmente sen previo aviso e sen ter producido sensación de dor. Na Estrada, en ningún momento se poderá facer unha observación directa como si que se poderá noutros puntos nos que a eclipse será total, pois a escasa superficie solar que quedará sen cubrir é quen de danar a nosa vista.
Asemade, débense evitar os trucos caseiros. As películas veladas, as radiografías, os lentes de sol, os CDs, os cristais afumados e os lentes de soldador, entre outros métodos, non son seguros para observar o sol. Segundo o IGN, o único que pode servir, “aínda que as súas cualidades ópticas poden deixar moito que desexar, son os filtros de soldador de alto grado (de 12 a 14).
Antigamente, o uso de películas veladas (e posteriormente as reveladas) era un filtro, segundo sinala o IGN, “razoable” ao dobrarse sobre sí mesma varias veces porque contiñan suficiente cantidade de prata. Na actualidade, algunhas empregan tintes en lugar de prata, polo que perderon esa capacidade de facer de filtro solar.


Deixa unha resposta